Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Brión abre ata o 30 de novembro a preinscrición nos Obradoiros de Nadal, dirixidos unicamente a familias que non teñan outra opción para deixar aos fillos/as


A cota establecerase en función da renda familiar

O Concello de Brión, en colaboración coa Deputación da Coruña, convoca os seus obradoiros de Nadal que, con motivo da pandemia do coronavirus Covid-19, estarán dirixidos única e exclusivamente a familias empadroadas no municipio nas que o pai e nai traballen e non teñan outra opción para deixar aos rapaces. As preinscricións poderán facerse a través do mail actividadesbrion@gmail.com ou no 981 50 99 08 antes do 30 de novembro, xa que despois dependerá da dispoñibilidade de prazas nos grupos que se conformen.
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, explica que “debido á situación excepcional provocada pola Covid-19, decidimos que os obradoiros deste ano sexan só para casos nos que as familias precisen dunha solución de conciliación. Por iso, a convocatoria está aberta só a aquelas familias nas que pai e nai traballen e ademais non teñan ningunha outra opción para deixar aos nenos e nenas”.
Os obradoiros terán lugar os días 23, 28, 29 e 30 de decembro, así como o 1, 4, 5 e 7 de xaneiro, en horario de 7:30 a 15:30 horas. Poderán participar nenos e nenas entre 3 e 12 anos empadroados en Brión. As actividades terán lugar no centro comercial Monte Balado e a cota decidirase en función da renda familiar.
Inicialmente, o Concello de Brión convoca 20 prazas, se ben os obradoiros organizaranse en grupos más reducidos, dividindo á rapazada por idades para que as actividades que se realicen estean adaptadas a eles: plástica, natureza, música, artesanía… Unhas actividades que se rexerán polos protocolos de seguridade indicados polas autoridades sanitarias.
As fichas de inscrición poden descargarse da páxina web municipal ( www.concellodebrion.gal ) e deberán enviarse antes do 30 de novembro ao mail actividadesbrion@gmail.com .